O polifacético Serafín Marcos animou o acto de entrega de premios cunha performance sobre a obra de Uxío Novoneyra na que transmitiu dunha maneira orixinal e moi plástica o contido dos versos máis emblemáticos do poeta do Caurel.
O alumnado estivo sorprendido en todo momento polos obxectos, sons, movementos constantes, sorpresas, efectos visuais e toda a expresividade que caracteriza a este artista que semella non ter límites na súa imaxinación.
Durante o seu espectáculo percibimos estímulos con todos os sentidos: o oído coa auga das fontes do Caurel, a vista con todos os cambios de roupa, movementos, xogos de luces simbólicos, o olfato co arrecendo de cartas queimadas, o tacto cando aos espectadores se nos converte en actores improvisados representando un papel colectivo… só nos faltou o gusto!!!
Pero o gusto foi noso ao poder contemplar este espectáculo cheo de tenrura e misterio.