Mes Cultural


O polifacético Serafín Marcos animou o acto de entrega de premios cunha performance sobre a obra de Uxío Novoneyra na que transmitiu dunha maneira orixinal e moi plástica o contido dos versos máis emblemáticos do poeta do Caurel.
O alumnado estivo sorprendido en todo momento polos obxectos, sons, movementos constantes, sorpresas, efectos visuais e toda a expresividade que caracteriza a este artista que semella non ter límites na súa imaxinación.

Durante o seu espectáculo percibimos estímulos con todos os sentidos: o oído coa auga das fontes do Caurel, a vista con todos os cambios de roupa, movementos, xogos de luces simbólicos, o olfato co arrecendo de cartas queimadas, o tacto cando aos espectadores se nos converte en actores improvisados representando un papel colectivo… só nos faltou o gusto!!!

Pero o gusto foi noso ao poder contemplar este espectáculo cheo de tenrura e misterio.

Advertisement

          Estivo con nós o xoves 13 de maio a xornalista e escritora Begoña Caamaño. A súa primeira novela Circe ou o pracer do azul, que a editorial Galaxia publicou a finais do ano 2009, relata o que nunca se contou da historia de Penélope e Circe: a escritora imaxina outras historias non relatadas por Homero e evita seguir a Ulises para converter as mulleres en protagonistas do relato. E faino mediante un intercambio epistolar entre estas dúas mulleres, unha agardando en Itaca o regreso de Ulises e outra en Eea gozando dun apaixonado e contraditorio amor co mesmo home.

A escritora Begoña Caamaño durante a súa charla no instituto

          A autora amosounos o seu gosto pola lectura e pola lectura “dos clásicos”, e explicou que a mitoloxía é unha fonte da que beber modelos e arquetipos sociais da cultura europea, mais o que ela quixo facer foi revisar e reconstruír outros modelos de mulleres que Homero non debuxou.
          Así, Begoña Caamaño fixo un pequeno percorrido por Penélopes literarias contemporáneas para expoñernos que ela segue a ser o referente fundamental do imaxinario masculino sobre o que ten de ser unha “boa muller”. O seu libro está escrito desde unha perspectiva feminista, mais non actualizou o mito senón que pensou no que Homero non contou.

Os alumnos e alumnas da aula de Plástica expoñen estes días no Salón de Actos os seus traballos sobre o autor a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.
A exposición está formada por unha serie de caricaturas do autor e un conxunto de caligramas elaborados a partir dos seus poemas.
Poderedes contemplala ata finais de Maio.

(Podes pinchar en cada unha das miniaturas para ver a imaxe en grande)

Onte tivemos unha charla sobre o clima a cargo de Xoán Taboada,que é un dos responsables de dar os partes meteorolóxicos da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

Trátase dun organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e os seus obxectivos son, ademais da predicción meteorolóxica, a explotación e mantemento de rede de observación climatolóxica da Xunta de Galicia.Dende 2001 tamén realiza a predicción marítima e oceanográfica, que permite predicir o estado do mar e tamén o do vento, o das ondas, correntes…

Durante a charla, Xoán falou ao alumnado dos diferentes cambios climáticos que se produciron na historia do planeta e explicou que os fenómenos meteorolóxicos que estamos a vivir, son completamente naturais, aínda que a man do home tamén os determina en grande medida e dun xeito case sempre negativo.

Xoan Taboada, de Meteogalicia, durante a charla no instituto.

No IES Porto do Son levan anos traballando co vídeo como instrumento didáctico e hoxe, David Pérez Iglesias, veu ao Campo de San Alberto para darnos unha clase de cine.

O alumnado estaba entusiasmado, pois é unha actividade que lles chama moito a atención e despois da charla de David xa estaban pedindo un grupo de traballo semellante no noso centro.

David explicou cal é o traballo que realizan e informou sobre as páxinas web onde se pode atopar tanto o que eles realizan como as ferramentas necesarias para levalo a cabo.

Dende o Equipo de Normalización felicitámosvos, compañeiros, polo voso traballo e agardamos tervos outra vez connosco pronto.

Recordade que tedes dous enlaces permanentes coas súas canles SonCine e Vinte10 na barra lateral deste blog!!!

Unha das obras de SonCine-Vinte10: MAR

Monte Dhaulaghiri (Nepal) / धौलागिरी (नेपाल)

Hoxe luns, día 10 de Maio, con ocasión da celebración do mes “Do libro ás Letras”, tivemos a sorte de escoitar unha conferencia do Profesor Augusto Pérez Alberti, Catedrático de Xeomorfoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi dirixida á todo o alumnado de 1º de Bacharelato do noso Centro.
Durante unha hora estivo falando sobre as investigacións que realiza co seu equipo por todo o mundo, en concreto, falou de Nepal, Nova Zelanda e Terra de Fuego. Adoita viaxar con botánicos, zoólogos, … ou aproveita para “recoller mostras” de solos, plantas,… e realizar posteriormente os seus estudos.
Interésalle, en particular, observar a evolución das montañas e as “interrelacións territorio-paisaxe”, como por exemplo, o distinto tipo de vexetación en función da altitude.
Puidemos observar gran variedade de diapositivas onde aparecían os habitantes do Nepal (que son budistas), bandeiras, pontes, lugares de oración… Cultivan patacas, berzas, arroz etc, e son vexetarianos. No bosque vimos dominan os rododendros en flor durante agosto e setembro.
A medida que os expedicionarios ían subindo, vimos como desaparecían as aldeas e a vexetación e aparecían as morrenas glaciares, a 4.000 m. Xa a 5.000 m había pouco osíxeno e tiñan dificultades para respirar.
En Nova Zelanda visitaron unha zona glaciar que tiña xeo debaixo e enriba sedimentos. A paisaxe era moi frondosa e había fentos de ata 10 m.
Por último, o profesor comentou que viaxa ós Andes dende 2004, onde hai un deserto polar, sen plantas, só líquenes.
En fin, unhas viaxes estupendas, ….

Páxina seguinte »