O Premio Leixaprén deste ano foi organizado polo CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro da man de Carlos Negro.Despois das súas palabras de benvida tivemos ocasión de escoitar a conferencia de Manuel Lorenzo Baleirón sobre “Pazos da memoria nas terras de Dodro”, interesante exposición sobre a historia dos pazos da comarca, os seus habitantes e os sucesos neles acontecidos ao longo da historia.

Co audiovisual “Pola banda de Laíño:memoria de tempos idos” contemplamos a historia a través da memoria fotográfica das xentes do lugar.
Non faltou a poesía do autor homenaxeado nas letras galegas, Uxío Novoneyra, da man do alumnado recitando a “Letanía de Galicia”, nin tampouco o teatro, coa representación -con moito talento por certo- da peciña “Así foi, doutor” de Suso de Toro e de “A tía Matilde”, de Xurxo Souto, quen recibiu o premio entusiasmado e contaxiou a emoción a todos os que estabamos alí, pois as súas palabras sobre a presenza da nosa lingua na súa vida, tocáronnos a sensibilidade a máis dun.

Acto seguido Xurxo lanzouse a cantar co grupo Intercoles que foi adornando o acto coa súa música, chamando a atención pola súa calidade.

En fin, unha festa, como debe ser, e que nos dure moitos anos…