Queremos felicitar á alumna de 2º de bacharelato Jessica Amado, que obtivo un accésit na modalidade de poesía dos “Premios Literarios Minerva”, convocados cada ano polo Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, coa obra “Tritetricismos de corpo morto”.
      Este concurso ten trinta e sete anos de atigüidade, e nel foron premiados escritores que acadaron un posto de primeira fila no panorama literario galego, como é o caso de Xesús Rábade, Lois diéguez, Darío Xohan Cabana, Suso de Toro, Xabier Queipo, Neira Cruz, Ánxeles Penas, Rei Ballesteros, Olga Novo, Rafa Villar, Roque Cameselle, ou Bérta Dávila.
      O xurado, presidido por D. Manuel Quintáns Suárez e D. Luís Alonso Girgado, ficou sorprendido pola alta calidade dos traballos presentados e pola cultura poética dos participantes nesta edición, polo que considera que se abre un futuro moi esperanzador para a literatura galega.
      A entrega dos premios celebrouse o vinte de maio nas dependencias do colexio, e foi presidido pola Concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón, coa participación do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo como mantedor.
      Felicitamos tamén especialmente, por veciñanza, ao alumno de 4º de ESO do IES Virxe do Mar, Ismael Ramos, que obtivo o primeiro premio de narrativa co relato “O factor humano ou a vida privada dos pronomes” e o segundo de poesía con “Oda á cafeína (ou anecdotario dun amor de inverno)”. E, por suposto, felicitamos a todos os premiados e a todos os participantes nun dos concursos literarios xuvenís de maior antigüidade e prestixio de Galicia.

Enlaces:
O fallo do xurado na páxina web do colexio Manuel Peleteiro
Reseña do acto de entrega de premios na páxina web do colexio Manuel Peleteiro
A noticia da entrega dos premios no xornal Galicia Hoxe
Fotografías do acto de entrega de premios no arquivo de El Correo Gallego

      E non esquezamos que Jessica obtivo tamén un 1º premio ex aequo de poesía no Certame Literario “Letras Galegas” (v. Premios do Certame Literario ”Letras Galegas”) e un 1º no Certame de Poesía Francisco Añón (v. Premios do XIV Certame Francisco Añón de Poesía).

Advertisement