Pechamos o chiringuito porque a cunchiña se nos vai de vacacións para descansar e repoñer forzas de cara ao vindeiro curso, que se presenta difícil.
Moitísimas grazas por visitarnos, agardamos atoparvos de novo neste recuncho e a seguir normalizando, aínda que lle chamen como queiran…

Advertisement


Coincidindo cos últimos días do curso saíu á luz, como todos os anos, «ENTREPONTES», a revista escolar deste instituto.
Cando a comunidade do centro xa pensaba no peche da publicación, a comezos deste curso, a compañeira Chefa colleu o relevo da súa coordinación e sacouna adiante cuns resultados realmente extraordinarios.
Non me vou estender en eloxios a este traballo porque sería facer autobombo de todos nós, de toda a comunidade escolar que colaborou, cadaquén na súa medida, neste proxecto. Para iso poden valer os artigos xornalísticos que se enlazan embaixo e o mesmo contido da revista.

Na prensa:

Descarga:

Blog:

O alumnado de 3º de ESO comezou a traducir as cartas dalgúns restaurantes de Noia coa finalidade de que as presenten tamén en galego. Estes son algúns exemplos dun traballo que continuará o vindeiro curso e no que agradecemos a colaboración dos restauradores da vila.


(Pincha nas miniaturas para velas no seu tamaño orixinal)

      Queremos felicitar á alumna de 2º de bacharelato Jessica Amado, que obtivo un accésit na modalidade de poesía dos “Premios Literarios Minerva”, convocados cada ano polo Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, coa obra “Tritetricismos de corpo morto”.
      Este concurso ten trinta e sete anos de atigüidade, e nel foron premiados escritores que acadaron un posto de primeira fila no panorama literario galego, como é o caso de Xesús Rábade, Lois diéguez, Darío Xohan Cabana, Suso de Toro, Xabier Queipo, Neira Cruz, Ánxeles Penas, Rei Ballesteros, Olga Novo, Rafa Villar, Roque Cameselle, ou Bérta Dávila.
      O xurado, presidido por D. Manuel Quintáns Suárez e D. Luís Alonso Girgado, ficou sorprendido pola alta calidade dos traballos presentados e pola cultura poética dos participantes nesta edición, polo que considera que se abre un futuro moi esperanzador para a literatura galega.
      A entrega dos premios celebrouse o vinte de maio nas dependencias do colexio, e foi presidido pola Concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón, coa participación do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo como mantedor.
      Felicitamos tamén especialmente, por veciñanza, ao alumno de 4º de ESO do IES Virxe do Mar, Ismael Ramos, que obtivo o primeiro premio de narrativa co relato “O factor humano ou a vida privada dos pronomes” e o segundo de poesía con “Oda á cafeína (ou anecdotario dun amor de inverno)”. E, por suposto, felicitamos a todos os premiados e a todos os participantes nun dos concursos literarios xuvenís de maior antigüidade e prestixio de Galicia.

Enlaces:
O fallo do xurado na páxina web do colexio Manuel Peleteiro
Reseña do acto de entrega de premios na páxina web do colexio Manuel Peleteiro
A noticia da entrega dos premios no xornal Galicia Hoxe
Fotografías do acto de entrega de premios no arquivo de El Correo Gallego

      E non esquezamos que Jessica obtivo tamén un 1º premio ex aequo de poesía no Certame Literario “Letras Galegas” (v. Premios do Certame Literario ”Letras Galegas”) e un 1º no Certame de Poesía Francisco Añón (v. Premios do XIV Certame Francisco Añón de Poesía).

O equipo da revista ENTREPONTES do noso centro está de noraboa.
Uxía, estudante de 4º ESO, foi galardonada co 1º Premio de PRENSA ESCUELA, o concurso que organiza LA VOZ DE GALICIA a través da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, dirixido a escolares de infantil, primaria e secundaria de toda Galicia.
A nosa alumna tivo que competir cos arredor de 5000 traballos presentados dentro da categoría Xuvenil na modalidade Entrevista, que foi realizada ao Presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, aos poucos días da súa estrea no cargo.

Para ler mellor dalle a “Fullscreen” enriba do cadro

Ademais o equipo de redacción de ENTREPONTES tamén foi seleccionado como un dos tres finalistas autonómicos no xogo didáctico “El País de los Estudiantes” do xornal EL PAÍS, o que lle pode dar opción a un premio a nivel nacional. Nesta ocasión competiron con 231 equipos de centros escolares galegos.

Noraboa!!!

O Premio Leixaprén deste ano foi organizado polo CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro da man de Carlos Negro.Despois das súas palabras de benvida tivemos ocasión de escoitar a conferencia de Manuel Lorenzo Baleirón sobre “Pazos da memoria nas terras de Dodro”, interesante exposición sobre a historia dos pazos da comarca, os seus habitantes e os sucesos neles acontecidos ao longo da historia.

Co audiovisual “Pola banda de Laíño:memoria de tempos idos” contemplamos a historia a través da memoria fotográfica das xentes do lugar.

Non faltou a poesía do autor homenaxeado nas letras galegas, Uxío Novoneyra, da man do alumnado recitando a “Letanía de Galicia”, nin tampouco o teatro, coa representación -con moito talento por certo- da peciña “Así foi, doutor” de Suso de Toro e de “A tía Matilde”, de Xurxo Souto, quen recibiu o premio entusiasmado e contaxiou a emoción a todos os que estabamos alí, pois as súas palabras sobre a presenza da nosa lingua na súa vida, tocáronnos a sensibilidade a máis dun.

Acto seguido Xurxo lanzouse a cantar co grupo Intercoles que foi adornando o acto coa súa música, chamando a atención pola súa calidade.

En fin, unha festa, como debe ser, e que nos dure moitos anos…